Voluntarios sociais poderán acompañar por horas a maiores que viven sós mediante un novo programa da Xunta

Dous representantes dun centro e dun comedor social quéixanse ante o conselleiro de Política Social de falta de apoio económico

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2017 | Actualizada ás 17:31 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social activará de inmediato un novo programa de voluntariado social para a atención e o acompañamento de persoas maiores de 65 anos que viven soas nos seus fogares, que bautizou co lema de 'Acompaño'.

Presentación do programa 'Acompaño' da Xunta
Presentación do programa 'Acompaño' da Xunta | Fonte: Europa Press

Xunto a outros cargos da Xunta, o titular de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou esta iniciativa ás entidades de acción voluntaria que fan proxectos ou actividades orientadas a fomentar o benestar do colectivo dos maiores en Galicia.

Segundo explicou, o programa diríxese a impulsar e propiciar a participación de voluntarios que queiran implicarse en axudar a que os maiores teñan unha vellez activa e saudable.

"Trátase de contribuír a mellorar a saúde e calidade de vida dos nosos maiores, favorecer o seu protagonismo en actividades sociais, fomentar a relación interxeracional e mitigar os sentimentos de soidade ou illamento que poidan sentir prestándolles acompañamento e apoio emocional", explicou Rey Varela.

Para os voluntarios, engadiu que esta pode supor "unha magnífica oportunidade" de lograr un "enriquecemento persoal" que lles permita un coñecemento da contorna social no que viven e a posibilidade de adquirir habilidades de formación para o futuro.

UN MÍNIMO DE DÚAS HORAS

Os obxectivos de 'Acompaño' son o fomento da solidariedade nos mozos e dunha vellez activa; a mellora persoal, o benestar e a tranquilidade dos maiores que viven sós; e a promoción da vida independente conforme se van cumprindo anos "respectando a permanencia das persoas maiores nos seus fogares".

Ademais, a través deste programa, búscase a detección de posibles problemas de saúde, a prevención, o control e a diagnose precoz; a redución dos riscos de depresión, crise, ansiedade ou inseguridade que pode acontecer cando se vive só; así como a mellora da atención das persoas maiores no medio no que se atopan.

A acción voluntaria prevista neste programa desenvolverase cun máximo de 3 días á semana que non poderán sumar no conxunto dun mes natural máis de 8 días e, no total do programa, os 20 días. Cada día que se realice a acción de acompañamento, esta deberá desenvolverse durante un mínimo de dúas horas e, en ningún caso, suporá a asunción de tarefas de carácter asistencial ou de axuda no fogar.

CURSOS DE FORMACIÓN E CUSTOS

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado seleccionará aos voluntarios, impartirá os cursos de formación necesarios para o correcto desenvolvemento da iniciativa e asumirá os custos de mantemento e transporte dos participantes, en caso de ser necesario, fixándose o custo máximo de voluntario e día en 8 euros.

Pola súa banda, as entidades de acción voluntaria achegarán unha listaxe das persoas maiores dispostas a participar no programa e verificarán tanto o cumprimento adecuado das accións voluntarias como o grao de satisfacción das experiencias.

QUEIXAS DURANTE O ACTO

Ademais dos representantes de entidades sociais que se interesaron por coñecer detalles do programa de voluntariado como cando se activará de forma efectiva, paso que se dará de "inmediato", no acto interviñeron, respectivamente, dous representantes dun centro social compostelán e dun comedor social en Moaña (Pontevedra), que, en ambos os casos, queixáronse da falta de apoio económico.

De feito, no segundo caso, o promotor do comedor social asegurou que "se empeñou en 14.000 euros" e tivo que tivo que acabar "pechándoo". Lamentou as "dificultades" para falar cos políticos e que estes só fagan promesas electorais que, despois das eleccións, quedan "en palabras".

Rey Varela aludiu nos dous casos á existencia dunhas subvencións que se axustan a normas "de carácter legal" que hai que respectar e comprometeuse a escoitar tras o acto ao promotor do comedor de Moaña, tras subliñar que a presentación deste programa de voluntariado non era o foro máis adecuado para ver o seu caso.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Isabel Gestal Fandiño

Muchas gracias..por vuestra labor ..están importante....les da ganas de seguir viviendo...yo me apuntaría ..pero tengo dos...y se me hace duro,no consigo despegarme y entro en depresión..esto ,no sé si se puede tener en cuenta...